O BNG cre que o Constitucional confirma que a Xunta vai "en dirección contraria" coas obras ilegais na costa

Así o manifestou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2024 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que o fallo do Tribunal Constitucional, que declara inconstitucional que Galicia limite a 15 anos o prazo de actuación contra obras ilegais na costa, confirma que a Xunta vai "en dirección contraria".

Así o expuxo, en declaracións aos medios de comunicación, con motivo da súa presenza nas festas da Ascensión, en Santiago de Compostela, e despois de que o Pleno do Tribunal Constitucional (TC) declarase inconstitucionais e nulos os artigos da lei de acompañamento aos orzamentos galegos para 2023 que limitan a 15 anos o prazo de actuacións contra obras ilegais na costa.

"Levamos moito tempo denunciando o uso espurio que fai -- o PP -- da lei de acompañamento dos orzamentos". "Pretenden coar pola porta de atrás auténticas barbaridades", sentenciou Pontón, quen incidiu en que o obxectivo era "legalizar instalacións que son ilegais".

"Isto non se pode tolerar, desde un punto de vista político esta disposicion adicional era ilegal, o que ten é que protexer o noso litoral non a quen infrinxe a legalidade", sentenciou.

CORREDOR ATLÁNTICO

Por outra banda, cuestionada polas demandas do AVE Madrid-Lisboa e os apoios a este respecto, afirmou que o Corredor Atlántico de mercadorías é "unha prioridade para Galicia" e apuntou a "presións" desde o PP de Madrid para que haxa, con todo, a conexión desde a capital española a Lisboa "en lugar de priorizar O Porto-Vigo".

"Preocúpanos que con esa presión se poidan trastornar os plans", aseverou a portavoz nacional do BNG, quen demandou ao Goberno o cumprimento do acordo de investidura a este respecto. Pontón fixo estas declaracións nun acto xunto á alcaldesa, a nacionalista Goretti Sanmartín, e no que reivindicou o seu labor á fronte da Alcaldía, así como a programación impulsada este ano.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa | Fonte: BNG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pouco importa o límite de 15 anos se NINGUEN nin siquera o BNG son que de denunciar nos xulgados as obras ilegais na costa galega... Levamos demasiados anos sabendo que algúns parecen ter bula pontificia para facer o que lles peta na costa co SILENCIO COMPLICE de tódolos partidos políticos ! Fartos de Mentiras ! https://www.google.com/maps/d/viewe... // https://www.google.com/maps/d/viewe... // https://www.google.com/maps/d/viewe... // Non sabemos a que agardan para iniciar a restitución da Costa aos cidadáns de Galicia ?